Wednesday 24 de April de 2024

A Plan Galicia destino seguro 2021-2023 prevé un impacto na economía galega de preto de 950M€ en tres anos


― Nos actos de conmemoración do 40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a colaboración público-privada para saír da crise

― Para superar a paralización económica provocada pola pandemia, o Goberno galego inxectou axudas ao tecido empresarial e botou man do Xacobeo como un dos motores da recuperación económica de Galicia

― Logo dun verán no que se acadaron cifras similares ás do 2019 en ocupación turística, a Xunta e o sector confían en recuperar a cifra de 5 millóns de visitantes no 2023

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe nos actos de conmemoración do 40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia que o Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, deseñado para impulsar a recuperación do sector turístico, prevé un impacto na economía galega de preto de 950 millóns de euros en tres anos.

Alfonso Rueda puxo en valor a colaboración público-privada para saír da crise, como fixo a Xunta para superar outros períodos de recesión. Para paliar os efectos da provocada pola covid-19, o vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta optou por dúas medidas: inxectar achegas no tecido empresarial para superar os peores momentos da pandemia e botar man do Xacobeo como un dos motores da recuperación económica de Galicia.

No que respecta ao turismo, a Xunta habilitou 120 millóns de euros para axudar as empresas a facer fronte aos seus gastos e para que prepararan os negocios á situación sanitaria, ademais de formar ao persoal e levar a cabo accións para incentivar o consumo interno, como o bono turístico ou Elixe Galicia. Polo que respecta ao Ano Santo, a habilitación das rutas e dos albergues deu lugar a que, en canto as restricións de mobilidade se levantaron, a xente botara a andar, ata chegar ao día de hoxe ás 171.136 Compostelas entregadas. “E agardamos rematar o ano con 190.000”, indicou Alfonso Rueda.
As medidas adoptadas permitiron que Galicia liderara no pasado verán a recuperación do turismo nacional, 25 puntos por riba da media, o que pechara setembro con cifras de ocupación similares ás da prepandemia.

O vicepresidente primeiro incidiu tamén en que a Xunta, da man do sector, ten deseñada xa a folla de ruta para seguir atraendo turistas e peregrinos no 2022, “ano no que agardamos poder celebrar un Xacobeo pleno” coa recuperación do turismo internacional. Con ese obxectivo, deseñáronse campañas como o Plan Camiña, que investirá 46,6 millóns de euros para seguir axudando ás empresas (21,6M€), ás entidades locais (21,7M€) e ás iniciativas destinadas a familias, universidades e entidades sen ánimo de lucro (3,3M€).

Por outra banda, a Xunta confía nos fondos Next Generation, dos que a comunidade autónoma recibirá 82 millóns ata o ano 2026, para investir en tres accións transformadoras: o Plan Litoral, o Plan Enogastronómico e o Plan de vilas termais e cascos históricos.

Polo que respecta ao Xacobeo, a Xunta investirá 85,5 millóns no 2022. Será un dos apartados estrela dos orzamentos autonómicos, o que provoca que a partida destinada a Turismo de Galicia se incremente nun 12%.

Estas e outras medidas están recollidas no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, deseñado da man do sector. O documento prevé unha inversión de 478 millóns de euros nunha serie de liñas estratéxicas das que Alfonso Rueda destacou os 198 millóns en apoio do tecido empresarial. O plan conclúe que coas inversións e as accións propostas, o impacto na economía galega será de preto de 950 millóns. Galicia aspira, ademais, a superar os 5 millóns de turistas no 2023.